MOSTRA INTERNACIONAL

XOVES 10. DESASTRONAUTS. MÁIS ALTO AÍNDA

(GALICIA+INGLATERRA)

 

Raquel Veganzones e Girisho Gordon formaron a compañía Circo Expreso no 2004 en Londres, e pasan a chamarse Desastronauts en 2011 tras a creación de “Losing Grip”. Con “Too High” estiveron de tour co circo británico Happy's Circus, actuaron na Convención Nacional de Malabares en Crawley 2004, participaron no Festival de Glastombury e en varios cabarés de circo en Londres. Aquí debutaron co espectáculo de rúa “Calleret” en Santiago de Compostela e en distintas programacións de Galicia. Xa en Compostela crean Un día de Praia, co que xiran por innumerables teatros e rúas galegas en solitario e en programacións de Culturactiva como Pistactiva e Ruactiva. E no 2010 conseguen unha bolsa da Unión Europea como un dos máis importantes talentos do continente, e de aí sae Losing Grip: unha obra, na que a acción ten lugar no aire en todo momento, arriscada, anovadora, orixinal e chea de calidade. Un traballo creado en España, Francia e Inglaterra colaborando con algúns dos mais importantes mestres da especialidade.

 

En Máis alto aínda unha muller forte, intelixente, atractiva e divertida topa cun home... Estúpido. El ha facer o que sexa para estar con ela, e ela fará todo o posible por escapar. Ela é dona de si mesma, el é infantil. Veremos como a súa loita frenética se vai intensificando a medida que atopan un trapecio de balanceo, cordas aéreas e un hula-hoop de lume.

VENRES 11. TCHYMINIGAGUA. SUEÑOS ENCANTADOS (COLOMBIA)

 

Fundada en 1985, co obxectivo do traballo, coñecemento, identidade, e da esencia nunha linguaxe teatral para vivir e compartir unha misión cultural, social e política, dirixírona Manuel Neira, Venus Albeiro Silva e actualmente César Grande. O seu traballo é producido por dramaturg@s, directores/as, actores/actrices, acróbatas, bailaríns/bailarinas, músic@s, profesionais, autodidactas, formad@s integralmente na fundación.

 

Prepáranse, ensaian, investigan e fortalecen a técnica teatral TCHYMINIGAGUA “Alegría, Ritmo, Forza, Enerxía, memoria, compromiso e política”. Unha linguaxe teatral, acrobática e circense, pola que son recoñecid@s internacionalmente, cunha invención propia patentada a nivel mundial (zancos en patíns), con máis de 40 obras e espectáculos escénicos de rúa, sala e espazos non convencionais, e un selo de calidade e identidade teatral a todo nivel en 30 anos de cultura popular de transformación social.

 

SÁBADO 12. VAQUES. YE ORBAYU (ASTURIAS)

 

A partir dalgúns dos mellores momentos que han ir xurdindo nas traxectorias artísticas de dous grandes clowns, Jorge Albuerne e José Luis Redondo, xorde Ye Orbayu, na procura da risa (propia e allea) constituíndo o espectáculo estrela desta compañía.

 

Acrobacias, mastro chinés e humor por milleiros, diso trátase e así nos deixamos levar nunha deriva humorística na que cosemos con fíos de carpa de circo todos estes anacos de nós en escena. Esperamos ser como o orbayu, liviáns, case imperceptibles, pero coa firme pretensión de calar ata os ósos.

 

DOMINGO 13. CIRCO NO ATO. A SALTO ALTO (BRASIL)

 

En tres anos, con tres espectáculos, o Circo no Ato consolidouse como unha compañía de circo no Brasil: Um dia de João, con máis de 100 representacións, Febril, en coprodución co Crescer e Viver, e, xerado nunha residencia na Central del Circ, en Barcelona, en setembro e outubro de 2015, A Salto Alto – Entre gentilezas e extermínios, estreado en xuño do 2016.

 

Obtiveron o Prêmio Carequinha/Funarte em 2013, para realizaren unha itinerancia por 10 cidades do estado do Rio de Janeiro. Foi vencedor da Mostra Competitiva de Circo do FIl en 2014 e obtivo o Viva a Arte!, Fomento Direto da Secretaria de Cultura do Rio de Janeiro en 2015, para a creación deste novo espectáculo, que agora vén a Galicia.

LUNS 14. MALAS COMPAÑÍAS. TXATARRA (EUSKADI)

 

TXATARRA é un espectáculo de circo e teatro de rúa para todos os públicos que utiliza o humor, o teatro, a manipulación de obxectos e a acrobacia para mergullar a o/a espectador/a en un traballo espectacular, divertido e tenro.

 

Benvidos/as a un mundo feito a medida, ao noso pequeno universo construído a base de barriles, táboas, cachivaches pero tamén rutinas, soños e debilidades compartidas. Acompáñanos por un camiño que non nos leva a ningún lugar, máis aló do conformismo e a aceptación, subimos, baixamos, corremos, rodamos, saltamos en busca desa volta de porca que converte a máis tediosa das rutinas en diversión”.

MARTES 15. OKIDOK. SLIPS (BÉLXICA)

 

Premio do Xurado no Milano Clown Festival 2009. Esta compañía belga dáse coñecer internacionalmente coa súa debut, Ha ha ha, representado máis de 500 veces ao redor do mundo e aínda de vira. Son unha das súas compañías máis sorprendentes e creativas do clown europeo actual. As súas creacións pasaron por infinidade de programas de TV, festivais e teatros de Europa. Nun estilo no que @s grandes mestrxs son xa de avanzadas idades e resulta difícil atopar novos valores, Okidok chegaron con forza para renovar o panorama do clown internacional puro e de calidade.

 

Pierrot e Marcel teñen corpos de ensoño, corpos de estrelas. Musculosos, elegantes, hábiles, multifacéticos e moi conscientes de tódalas súas incribles cualidades lánzanse nunha gran demostración dos seus talentos. Talento en estado puro, o mellor da acrobacia, a esencia do mimo, o cumio da danza; resumindo, a poesía bruta dos anos gloriosos do music-hall. Unha hora de risas, sen palabras e sen parada. Un dos espectáculos máis divertidos dos últimos anos.