CERTAME INTERGALÁCTICO

VENRES 11. NATALIA OUTEIRO "PAJARITO". A VIDA TOLA

 

O nome artístico desta mimo, humorista, escapista… Dá unha idea do difícil que será pillala nalgún renuncio no seu número. A súa capacidade para cativar a atención do público e a súa espontaneidade fan que cada un dos seus números sexa único e irrepetible… E se te bica a sorte ata podes formar parte del. A máis grande das artistas, é por suposto PATRIMONIO DA HUMANIDADE.

 

Clown, escapismo, crítica... Unha pallasa que encandila, que levanta paixóns, tenrura, gargalladas. Libérase das súas ataduras e lévase ó público con ela.

 

SÁBADO 12. CIRCO CHOSCO, CHOSCO EN SUPERROQUIÑOS E FORZU2 NO CERTAME.

 

 

Circo Chosco nace trala unión de Ariñe Azkue e Óscar Páez despois de se coñeceren na escola de circo Oreka (Pamplona) onde se forman durante tres anos. Alí aprenden diferentes técnicas de circo: malabar, equilibrios, aéreos, clown, interpretación, creación... Despois toman diferentes camiños ata que o actor, clown, docente e director Walter Velázquez lles bota unha man na dirección do espectáculo Chosco! Este espectáculo ofrece a posibilidade de representarse con ou sen rutinas aéreas, o que dá unha gran versatilidade á proposta para adaptala a espazos de interior e/ou exterior.

 

En Forzu2 preséntannos a dous atletas que realizarán proezas incribles, acrobacias e portés impresionantes... Pero tamén torpezas monumentais, que farán que o público escache coa risa.

 

DOMINGO 13. MAGO TETO. TOLEMAXIAS

 

Despois de tres anos xogando con outras artes escénicas nos seus espectáculos, coma a música en directo, o teatro, a danza, etc., na “Maxia da Santa Compaña” e “O Afiador”, Teto retorna á esencia do ilusionismo en estado puro cun espectáculo cheo de efectos novidosos tocando todas as disciplinas da maxia (dende efectos de maxia de preto ata grandes ilusións, pasando polo mentalismo, a manipulación…) sempre acompañados de situacións absurdas e surrealistas cun toque canalla.

 

Esta menestra ten como obxectivo final a realización dun espectáculo entretido, divertido, estético, emotivo e, sobretodo, cheo de ilusión e de ilusións.

 

LUNS 14. RICKY TENIS. O PROFESOR DE TENIS.

 

José Luís Redondo Martínez, actor, clown e artista de circo, estudou INEF e clown e teatro en Bos Aires con profesores coma Walter Velázquez, Darío Levin ou Maby y Poli
Alí funda, xunta Virginia Librado, a compañía. La Mano Jueves e crean “Personal a la Carta”, espectáculo no que nace o personaxe de Ricky e co que traballan en España durante dúas tempadas (2006 e 2007). Desde xullo de 2007, incorpóranse ao proxecto do Colectivo Circense Cruzando el Charco, agrupación que nace das inquietudes de varios artistas do mundo do circo, a interpretación e a música, e que se unen para crear un espectáculo de circo contemporáneo e desenvolver un proxecto artístico e social durante os tres primeiros meses do 2008 en Chile, e posteriormente, xirar co espectáculo por España e Italia.

 


Ricky, El Profesor de Tenis, é un espectáculo unipersoal de pequeno formato de clown con técnicas de circo, co que non parou de colleitar éxitos: premio do público no Festival de Teatro de Palencia 2010, Primeiro Premio do Xurado e Premio ao Mellor Actor no Festival de Teatro e Circo de Toledo no 2011, Premio Especial do Público no V Festival Internacional de Circo de Albacete (2012), Premio do Club de Pallasos e Artistas de Circo no mesmo ano, Premio do publico no V Certame Jóvenes Artistas de Calle 2013.

 

MARTES 15. PÍSCORE. CONCERTO SINGULAR

 

Que acontece cando se convoca a catro grandes solistas para un único concerto? Catro prestixiosos músicos fronte a un grande conflito: 16 baquetas e unha soa marimba. Estes clowns, Féliz Rodríguez, Pepe Cabanelas, Pepe Varela e Diego Rosal, dirixidos por Fran Rei, están dispostos a facela soar do xeito máis orixinal e abraiante. Organizarse xa non vai ser tan doado.

 

Píscore achéganos a mellor música e moito humor para un concerto singular nunha proposta que se encadra na liña dos grandes espectáculos que mesturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.