APARTADO SOCIAL FESTICLOWN 2017

 

Xoves 27 de xullo

11.00 h. Hospital do Salnés. Curando co riso

A pallasa Laura Mandarina, que impartirá o obradoiro Curando co riso no Formaclown, será a encargada de levar toda a festa e alegría do Festiclown aos nenos e nenas ingresadas no Hospital do Salnés, que non poden gozar das actividades a pé de rúa.

 

Laura Mandarina Muñoz leva doce anos traballando como pallasa de hospital coa Fundación Theodora.

Luns 31 de xullo

12.00 h. Centro Sociocultural de Guillán: Dani García, Don Gelati.

20.00 h. Praza da Liberdade, Carril:  Dani García, Don Gelati.

Un brillante día de sol chega á praza da vila un vendedor de xeados co seu carriño e con moitas ganas de sacarlles un sorriso aos veciños. Mais o pobre Don Gelati sufrirá todo tipo de imprevistos e infortunios co seu carro, que terá que arranxar con enxeño e con non pouca maxia antes de que os seus xeados se derretan.

 

Martes 1 de agosto

12.00 h. Centro Sociocultural de Castroagudín: Fran Rei, A Historia de Brancaflor.

Nesta montaxe achegámonos á lenda popular de Brancaflor -filla do Demo- a partir da versión que Xosé Ramón Mariño Ferro recolleu na súa escolma Contos Marabillosos. Unha trama chea de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios. Unha fermosa historia de amor entre Brancaflor e Xan, á que se opón o malvado pai da rapaza.

 

Luns 6 de agosto

12.00 h. Centro Sociocultural de Solobeira: Dani García, Código.

20.00 h. Centro Sociocultural de Cornazo:  Dani García, Código.

Acabado de chegar dalgún lugar afastado, doutro tempo ou doutro modo de facer. Perdido no presente, no eiquí, no agora. Así está o noso viaxeiro, o noso coleccionista de linguas. Sempre na busca de novos amigos cos que engadir un código máis na súa maleta de camiñante. E o que empezou sendo unha petición de axuda, un intento por comprender un código máis, convértese nunha reflexión sobre a comunicación humana. Código é un espectáculo de rúa, pensado para que persoas de calquera idade poidan participar e gozar.

 

Xoves 10 de agosto

 

11.00 h. Rúas de Vilagarcía. Acción inaugural: @s nen@s do campamento urbano derrubando fronteiras.

Como comprobamos nas funcións d'O Valo, @s cativ@s son os primeir@s en derrubar fronteiras cando se trata de botar abaixo os muros que dividen a humanidade. Nesta pequena sorpresa inaugural veremos como a rapazada do campamento urbano elimina as fronteiras e manda unha a mensaxe de fraternidade ás rapazas e rapaces refuxiados.

 

Venres 11 de agosto

 

11.00 h. Salón García.  Asociación Con Eles: "Eu quero ser"

A Asociación Con Eles traballa con persoas adultas con discapacidade psíquica. Neste exercicio de fin dun obradoiro de iniciación ao teatro, dirixido por Fran Rei, colaborador de Pallasos en Rebeldía, poderemos ver con canta creatividade son quen de traballar. Esta mostra estará conducida por Fran Rei, e unha persoa representante da asociación que explicarán os beneficios que xerou este obradoiro para as persoas participantes.

 

Sábado 12 de agosto

 

11.00 h. Praza de España. O mundo que queremos. Obradoiro de radio cooperativa con AGARESO. A asociación de reporteiros galegos solidarios presenta un obradoiro de radio comunitaria enmarcado no Plan Proxecta.

 

Domingo 13 de agosto

 

12.00 h. Salón García. Gala Solidaria infantil

 

Mago Teto, Os Sete Magníficos Máis Un, Dani García, Jano Costas

Os Sete Magníficos Máis Un, compañía integrada polos clowns Fran Rei e Pedro Brandariz, que naceu precisamente ao abeiro do Festiclown, conduce esta gala que conta cos trucos do Mago Teto, que tamén ofrece un obradoiro de maxia cómica no Formaclown, o prestixioso Dani García e Jano Costas, que fai acrobacias, malabares, clown...

 

 

 

12.00 h. Acción no comedor social de Cáritas.

 

Luns 14 de agosto.

11.00 h. Salón García. Pallasos en Rebeldía. O Valo.