Neste Festiclown ofertamos cinco obradoiros de clown, maxia e circo de 8 horas cada un, co(a)s mellores profesores/as:

1) Humor para torpes (a cargo de Joan Estrader), venres 12 > 60 euros

2) Que é o clown? (a cargo de Laura Mandarina) , sábado 13 > 60 euros

3) Introdución á máxia cómica (a cargo de Pablo Muñoz), domingo 14 > 60 euros

4) Zancos: animación e movemento (a cargo de Vanessa Rivas), luns 15 > 60 euros

5) Bufón: en busca da túa identidade cómica (a cargo de Leo Bassi), mércores 17 > 80 euros


Hai un desconto de 10 euros por curso pola matriculación nos catro primeiros: o custe total sería de 200 euros.

- Prazo de inscrición aberto até o 5 de agosto. Prazas limitadas. De cubrirse o cupo antes desa data, a organización resérvase o dereito a pechar o prazo.

- Envía un correo co teu nome e apelidos, teléfono e correo electrónico e os obradoiros nos que desexas participar a info@festiclown.org. Para confirmar a túa participación, enviaráseche a indicación para realizar o ingreso do importe da matrícula, e será co envío do xustificante deste ingreso cando a praza estará reservada.

Anulación da matrícula: de solicitares a baixa no obradoiro, sen xustificar motivos de forza maior e se non se ocupa esa praza reservada, perderías o importe da matrícula. Do mesmo xeito, de non realizarse a formación por parte da organización, o importe da matrícula seríache devolto.

Máis información no teléfono (0034) 981 582 836 e no correo electrónico info@festiclown.org.

* As persoas participantes deberán ter polo menos 18 anos, ou contar coa aceptación d@ docente e permiso d@ nai/pai ou titor/a.

* Para que a formación teña lugar, debe cubrirse o cupo mínimo de prazas.

* Recoméndaselles a todas as persoas participantes vestiren roupa e calzado cómodo. Para o curso de zancos recoméndase levar xeonlleiras protectoras.


* Por respecto ao/á docente e ao resto do alumnado, é imprescindible a puntualidade en todas e cada unha das sesións dos cursos. Neste sentido, a organización reserva para si o dereito de non permitir o acceso do alumnado ao curso unha vez iniciado, se así o indica o/a profesor/a.

* Os medios de comunicación e a organización poderán ter acceso controlado aos obradoiros, co coñecemento e consentimento previo das persoas participantes, para tomaren imaxes do mesmo.

 

*****************************************************************************************************************************************

Humor para torpes, venres 12 > 60 euros

Obradoiro de humor práctico e pouco teórico onde descubrimos como prepara Juan Cállate os seus espectáculos, co seu particular humor absurdo. Está dirixido a todas aquelas persoas que desexen descubrir e desenvolver as súas habilidades cómicas, empregando a improvisación, o xogo e a complicidade co público. O obxectivo é atoparmos o pracer na nosa propia estupidez, gozar do fracaso e potenciar as cualidades cómicas de cadaquén, sen medo ao ridículo

Joan Estrader

Formeime en Londres e fundei a compañía Pezenraya. Con ela e dez espectáculos de creación e producción propia, xiramos polos escenarios de medio mundo: Festival Internacional de Clown de Nova York, Festival Internacional de Teatro de Shanghai, Festival Internacional de Teatro de Edinburgo, Festival de Teatro do Absurdo de Castelvetro, Festival Internacional de Humor de Madrid, Venezuela, Colombia, Costa Rica, El Salvador, Inglaterra…

*****************************************************************************************************************************************

Que é o clown?, sábado 13 60 euros

clown fai rir e emocionar á xente, tenta facelo todo ben sen saber de nada, pero, se fracasa, acéptao. Iso faino humano e vulnerable. O seu traballo é un verdadeiro exercicio de humildade: é todo o que non queremos ser, mais somos. O clown pode chorar desconsoladamente e esquecelo cun xogo, descubrindo o mundo coa inxenuidade da nenez. Traballaremos a escoita de nós mesm@s e do público, e complicidade con el e @s compañeir@s, o pracer de xogar, o propio ridículo para re-educar ese/a nen@ que temos dentro e expresar con honestidade o que sentimos.

Laura Mandarina

Laura Muñoz naceu en 1975 en Bos Aires, e contra "vento e marea" conseguiu licenciarse como actriz no Conservatorio de Arte Dramática. En 1999 tropeza co clown. No ano 2005 funda a compañía Mundo Mandarina, onde crea, actúa e produce os seus propios espectáculos combinando clown, maxia, títeres, monólogos e teatro físico, tanto para público infantil como adulto. Levou o Premio do Público da Mostra de Pallasos de Xirivella, ao Mellor espectáculo de Sala e Premio do Xurado no Festival Farándula de Gran Canaria, o Premio do Público do FAST de Torredembarra e o Premio do Público en Festiclown en 2009 e 2015.

*****************************************************************************************************************************************

Introdución á máxia cómica, domingo 14 > 60 euros

Abordaremos a aprendizaxe de xogos e rutinas máxicas, presentando e realizando xogos de maxia e buscando a comicidade dos mesmos, buscando @ nos@ clown-mag@ a través de xogos e gags máxicos con cordas, panos e outros elementos, xogos de complicidade co(s)s compañeir@s e co público... O obxectivo é empregar a maxia como unha ferramenta máis nos nosos espectáculos de humor.

Pablo Muñoz

Pablo Muñoz formouse na Escola Superior de Arte Dramática de Madrid e na Escola de Interpretación de Cristina Rota, cursou estudos de Clown e técnicas de humor na Ecóle Philippe Gaulier en Londres e Jos Houben en Bruxelas. Pertence á Sociedade Española e Internacional de Ilusionismo. Foi "Nariz de Ouro" do XIV Festival Internacional de Clowns de Madrid 2009 e galardoado co Premio de Maxia Cómica no Festival Internacional de Maxia de Sta. Susanna (Barcelona).

*****************************************************************************************************************************************

Zancos: animación e movemento, luns 15 > 60 euros

 

Subir aos zancos pode compararse á práctica dun deporte extremo. A carga de adrenalina que libera esta nova sensación de desequilibrio axúdanos a conquistar desafíos propios, e por tanto a sentirnos activ@s, no aquí e agora.

Esta técnica circense dos "zancos de apoio en perna" é un excelente recurso escénico e unha ferramenta moi útil para traballar nas artes escénicas de rúa.

Non require coñecementos nin experiencia previa, só ganas de experimentar.

Vanessa Rivas

 

Subiu aos zancos por primeira vez no ano 2005 e desde entón son moitos os quilómetros que percorreu sobre eles e moitos os lugares que descubriu dese as alturas.

Zanqueira, actriz, educadora social e contadora de historias, combina todas estas facetas coa finalidade de comunicar, expresar, coñecer, medrar...

 

*****************************************************************************************************************************************

 

Bufón: en busca da túa identidade cómica, mércores 17 80 euros

O curso mestura teoría con orixinais xogos psicolóxicos, que animan ao alumnado a descubrir máis de si mesmos/as, tomando alternativamente un papel activo e á vez observador e crítico. Isto obrígaos/as a decatarse de como as súas accións son percibidas e do que significan. Segundo avanza o curso, pasamos de explorar a mente a estudar a comedia e os problemas puramente teatrais sobre como ser efectivos/as diante do público.

Leo Bassi

Vén de seis xeracións dedicadas á arte circense. Un antepasado del fundou o circo da Toscana, e o seu avó Jimmy Wheeler foi estrela do London Palladium e pioneiro da comedia televisiva nos primeiros anos da BBC. Seu pai e tía foron malabaristas, e con eles tivo un espectáculo despois de debutar en Australia aos 7 anos. Con 23 lánzase en solitario co espectáculo de rúa O circo máis pequeno do mundo, co que viaxou durante cinco anos. Creou espectáculos como Utopía ou A Revelación, que suscitou as iras de grupos católicos fundamentalistas españois, e levou premios da crítica de Barcelona, Cannes e Múnic, o OBIE Off Broadway Award, Nova York, o Nariz de Ouro e o FAD de Barcelona,o Moers Comedy Festival de Alemaña, ou o Just For Laughs Festival, Montreal, Canadá.