O Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, continúa espallando a versión máis comprometida das artes circenses polo mundo para facer tres paradas durante o mes de setembro: Móstoles, Rivas Vaciamadrid e Palestina. Os dous festivais madrileños van ter lugar do 15 ao 17 de setembro. 

A continuación, Pallasos en Rebeldía vai desprazar a 39 persoas a Palestina para continuar “sementando circo de rebeldías e esperanzas” contra os muros e a ocupación israelí, e berrando “Free Palestine”. O Festiclown Palestina vaise desenvolver en cinco cidades entre o 19 e o 28 de setembro.

Primeira edición do Festiclown en Móstoles

A mesma fin de semana do 15 ao 17 de setembro terá lugar o primeiro Festiclown Móstoles. Un cartel internacional de renome encabezado por Pepe Viyuela, que presenta o seu espectáculo Encerrona no Teatro del Bosque o 17 de setembro ás 20:00. A entrada é libre ata completar aforo, previa retirada de convites o sábado 16 ou o domingo 17 de 17:00 a 20:00. 

Pero a festa comeza o venres 15 no Cuartel Huertas coas actuacións da compañía colombiana Tchyminigagua (19:00), do madrileño Javi Javichy (20:00) e dos brasileiros Circo no Ato (21:00). O sábado poderase ver, tamén no Cuartel Huertas, a Mike Dosperillas (12:30), Pablo Muñoz (19:00) e Ale Risorio (20:00). E a festa continúa o domingo 17. Ademais de Pepe Viyuela, poderase ver a Mundomandarina (12:30 no Museo) e a Kanbahiota (19:00 na Plaza de los Pájaros).

O Festiclown está organizado polo concello de Móstoles e xestionado por Culturactiva e Pallasos en Rebeldía. Conta co apoio do INAEM.

 

Un apartado para a Formaclown en Madrid

 

Tanto Rivas Vaciamadrid como Móstoles ofrecerán tamén a posibilidade de formarse como pallaso/a, en interpretación e en maxia grazas á Formaclown. En ambos casos o aforo é limitado e a inscrición pode tramitarse chamando ao 981 582 836 ou escribindo a info@festiclown.org.

O director do Festiclown e portavoz internacional de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, vai presentar o obradoiro 'Pallaseando a existencia. Un camiño de crecemento persoal a través do ridículo'. Será os días 16 e 17 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 no Centro Cultural Villa de Móstoles. A colaboración por asistir é de 60 euros.

 

“Sementando circo de rebeldías e esperanzas. Free Palestine”

Rematados os Festiclowns de Madrid, boa parte da troupe internacional de artistas solidarios partirá cara Palestina. Do 19 ao 28 de setembro van levar a cinco cidades o Festiclown Palestina co lema “Sementando circo de rebeldías e esperanzas. Free Palestine”.

Esta é a cuarta edición dun festival ideado para derrubar os muros que constrúe Israel cos risos dos pallasos e a forza fraternal das visitas solidarias, que chegan de todas as partes do mundo -desde Galicia ao Brasil pasando por Chile-, e para apoiar ao pobo palestino na súa loita contra a ocupación a través dunha mensaxe de “rebeldía e esperanza”.

O clown e portavoz de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado; a compañía circense Kanbahiota; os brasileiros Circo no Ato; o futurismo musical dos zancudos colombianos Tchyminigagua; a Academia de tontos de Chile; e varios membros do campo de traballo de Rivas Vaciamadrid van organizar talleres e encontros e programar espectáculos nas cidades de Xerusalén, Belén, Hebrón, Ramallah e Nablus.

Culturactiva, Pallasos en Rebeldía, Festiclown e Kanbahiota son as encargadas de organizar esta viaxe que desprazará un equipo de 39 persoas de varias nacionalidades a Palestina para rachar, cando menos, co muro de silencio de Israel. Contan ademais coa colaboración do Concello de Rivas Vaciamadrid, da Palestinian Circus School, e de Human Supporters Association.

Pallasos en Rebeldía é unha asociación cultural e de cooperación internacional que promove a transformación política e a fraternidade entre os pobos expresándose a través do clown e as artes circenses. Este colectivo componse dunha rede internacional de grupos artísticos e está apoiado pola cooperativa cultural socialmente comprometida Culturactiva, con sede en Santiago de Compostela.