A maior oferta formativa europea de clown volve cunha nova edición do Festiclown en Vigo

Xa é posible tramitar a inscrición nos cursos do Festival Internacional de Clown de Galicia. Dez propostas formativas que se impartirán entre o 26 e o 31 de xullo e que serán impartidas polos mellores mestres a nivel internacional. Leo Bassi, Norman Taylor, Moshe Cohen ou Antón Valén son só algúns deles.


Se algo distingue o Festiclown é o esforzo que inviste na formación cun apartado, o Formaclown, que achega a Galicia cada verán os principais mestres e mestras das artes escénicas. Ningún festival similar concentra tanto alumnado (una media de douscentos participantes) e por volta dos 10 mestres cada ano nun encontro que superou a cifra de corenta mil espectadores e espectadoras na pasada edición.

Esta edición do Festiclown reafírmase na súa aposta pola formación; así, o belga Norman Taylor será o responsable de impartir “Movemento cómico”, o único curso este ano orientado exclusivamente a profesionais. Pola súa banda, Antón Valén, integrante do afamado Cirque du Soleil entre o 2002 e o 2007 e responsable de algúns dos números clownescos de “Alegría”, impartirá os obradoiros de “Iniciación ao clown” e “Un clown na pista”.

O Formaclown tamén contempla no seu programa 2011 un curso impartido por Leo Bassi, outro a cargo de Christian Atanasiu, O galego José C. Illanes, actor, músico e cofundador de Zancalino Produs, impartirá o “Curso de zancos e comicidade”, mentres que o grande mestre italiano Carlo Bosso, ocuparase do curso de “Comedia dell´ arte”.

O prazo para solicitar a preinscrición nos cursos de Formaclown remata o 29 de xuño, ainda que se prolongará no mes de xullo naqueles cursos que dispoñan de prazas. Toda a información sobre os trámites pode consultarse na web www.festiclown.org

O apartado formativo intégrase dentro dun programa máis amplo de actividades do xa tradicional Festiclown que volve ás rúas de Vigo a última semana de xullo para enchelas de humor, risas e narices vermellas, pero sen esquecer o compromiso social, como proba o feito de que a recadación deste ano irá destinada á realización do 1º festival de clown en Palestina, o Festiclown Palestina.

Escribir comentario

Comentarios: 0