O Festival Internacional de Clown de Galicia naceu en 2001 para convertirse, co paso das edicións, nun evento cultural sen igual en Galicia e na Península no que se refire a programación e formación teatral. O Festiclown constitúe un intercambio continuo entre artistas e público que se desenvolve en teatros, auditorios, rúas e prazas, enchendo de humor todos os espazos da cidade, misturando o lecer, a calidade artística e a dinamización social.

Ao longo destes anos o Festiclown seduciu a profesionais e non profesionais, cidadáns, cidades, alumnado, visitantes... Artistas e mestres de talla internacional como Jango Edwards, Leo Bassi, Carlo Colombaioni, Philippe Gaulier ou Pepe Viyuela apadriñárono desde o seu nacemento e gañou o apoio masivo do público, tanto local como das persoas chegadas de todos os recunchos da península e máis aló, convertíndose nunha cita incondicional para moitas delas. Preto de 500.000 persoas foron dalgún xeito co-partícipes desta festa de narices vermellos ao longo das súas edicións.

 

A marca de identidade do Festiclown é o seu espírito alternativo e solidario. Dende a súa primeira edición, o obxectivo do Festival foi democratizar a cultura e achegala ao pobo, de maneira que todos poidesen gozar e revivir a inocencia e a ilusión do clown, deixando de lado clichés ou diferenzas sociais, que nos diariamente nos separan.
Unha proposta única que converte á risa na mellor arma para facer fronte á globalización e para crear unha sociedade xusta e igualitaria.

Festiclown tamén ten achegado un sorriso a outras comunidades do mundo que sofren a penuria dos conflitos e a falta de recursos. Dende Coperactiva Cultural, a empresa impulsora e xestora do festival entendemos que a cultura, ademáis de ser participativa, comunitaria e creativa, ha de ser solidaria. Por iso creamos e mantemos edición tras edición un Fondoclown solidario para financiar un Proxecto Social. Dende Galicia e ao abeiro do Festiclown, levamos varios anos apoiando económicamente proxectos alternativos de carácter internacional, coma o Proxecto Educativo “Semillitas del Sol” e a axuda á creación da “Radio Insurgente de Roberto Barrios”, en Chiapas (sur de México) ou a realización dunha Caravana de Pallasos pola Paz en Palestina (2002 e 2009) e varias xiras Culturais e de encontro cos Municipios Autónomos de Chiapas (dende o ano 2003).

En poucos anos, o Festiclown foi consolidando o seu prestixio ata convertirse nun dos festivais de clown de referencia obrigada no ámbito estatal e internacional para afeccionados e expertos.