Programa
Formaclown
Clownvocatorias artísticas
Proxecto Solidario
Maraclown
Clown-Off
Certame intergalactico
Fotos
Contacto
Prensa
XII CRÓNICA. 9 DE XANEIRO DO 2005



Bailonia 3ª sección é unha comunidade construída desde o esforzo e a valentía de homes e mulleres que o 1 de Xaneiro, seguindo o exemplo zapatista pero sen coñecer por dentro a organización, decidiron lanzarse a ocupar as terras dun terratenente

Nin o exercito, nin a policía xudicial, nin o propio patrón armado foron quen de impedir que os sesenta moz@s sen terra nin armas tomaran posesión dunha extensión mínima para o dono pero imprescindible para as súas familias. Así foi, que vendo a marcha do conflicto armado que o EZLN tiña erguido desde a dignidade e a entrega revolucionaria, e a fortaleza insobornable dos indíxenas, o terratenente decidiu mandar a súa familia á cidade de México e entregar as terras aos seus novos ocupantes.

O que máis me sorpredeu de escoitar a historia a través dos beizos do lider dese movemento e actual responsable da comunidade, foi a naturalidade con que a contaba. Paso a paso, como restándolle importancia, incluso rindo da ignorancia que naqueles tempos tiñan da que na actualidade era a súa organización: O Exército Zapatista de Liberación Nacional.

Relatounos o difícil que era estar na resistencia, enfrontándose a outros indíxenas que sí querían recibir as axudas do goberno, aguantar a presión da policía xudicial, deixar de pagar os impostos e a luz coas conseguintes represalias e un longo etcétera que non remata nunca.

Tamén nos explicou como os médicos veterinarios non atopaban solución ao problema dos porcos que tiña a cooperativa de mulleres para financiarse, e xa que Xavi, o loxista da expedición, é un veterinario de Lugo, decidimos ver os productos que lles deran, e descubrimos unha vez máis o esmagados que están os pobos indios de México. Os veterinarios enganábanos vendéndolles productos ineficaces e a punto de caducar, polo que, sobre a marcha, fixémoslles varias recomendaciòns á hora de tratar cos veterinarios e as farmacias.

O mesmo responsable foi o que barreu xunto ao promotor de educación a pista de basket na que iamos actuar, e quen nos construiu en dez minutos un novo banco para sustituír o que esquecéramos na anterior comunidade.

El e a súa dona déronnos casa e comida durante as trinta horas que estivemos alí, coa mesma hospitalidade coa que se trata a un familiar, incluso antes de marchar tivemos que dar unha especie de discurso ante a comunidade explicando porque apoiamos a loita zapatista e , sobre todo, despedirnos deles, xa que a xente quería darnos a man un a un antes de que empezara o baile que nos organizaran a modo de homenaxe.

¿Como non iamos marchar con trisitura desta penúltima comunidade? Se ata no momento de montarnos na redila saíron todos os rapazes e as rapazas da escola a despedirnos e tivemos que improvisar unha tanda de xogos con foguete de dignidade incluído.

De seguro que esta non será a última vez que imos ollar estes rostros de valentía e futuro.