Programa
Formaclown
Clownvocatorias artísticas
Proxecto Solidario
Maraclown
Clown-Off
Certame intergalactico
Fotos
Contacto
Prensa
IX CRÓNICA. 4 DE XANEIRO: HOXE ATOPEI UNHA FAMILIA EN ROBERTO BARRIOS.



Chegamos de madrugada a unha comunidade dividida entre zapatistas e Paz e xustiza, polo que os compas acompáñaronnos en todo momento ata que apareceu a dona da casa onde iamos durmir, lavar a roupa, comer e quizais quedarnos para toda a vida......

Montamos as hamacas nunha habitación co belén e a árbore de nadal disparando luceciñas para todos os lados, practicamente en silencio e sen falar coa xente da casa que nos acollía. Eran as catro da mañán e levabamos 2 horas de coscorróns polos carreiros de Chiapas ao lombo da redila zapatista. Cando nos erguemos tres horas despois enterámonos de que a xente que nos recibiran eran responsables do máis alto nivel. Estabamos na casa de fundadores do movemento insurxente.

Coñecemos a unha muller Chol, da que non darei o nome, nai de varios promotores zapatistas, muller dun antigo lider do Consello Autónomo pero, sobre todo, unha lider coñecida en toda a zona norte pola súa fortaleza e fraternidade para cos compas.
Ela platicounos dos comezos dos traballos da insurxencia, cando o exército se plantou en León Brindis o 1º de Xaneiro de 1994, contounos como os Priístas lles quitaron a luz e os terreos colectivos da cooperativa de mulleres, pero sobre todo aclarounos moitas cousas a través dos seus silencios.

A súa filla maior, promotora das organizacións das mulleres, que tiña un discurso político actual e feminista, pasou o día bromeando coa idea de que eu quedara un mes na casa con ela axudándolle a lavar os pratos e a roupa, así que cando todas as irmáns, ao chegar a noite, ameazaron con secuestrarme, eu xa tiña interioizado totalmente o novo plan de vida.

Eugenio, o primerio compa Chol co que confraternizamos no V Caracol mentras montábamos o teito da nova casa de internet en rebeldía, apareceu antes da actuación montado nun cabalo mestizo, cargando madeiros e tiznado de pes a cabeza tras unha dura xornada limpando a milpa, estabamos na súa comunidade, así que fixo de guía o resto do día feliz de levar os seus amigos entre a súa xente, ata o punto de deixarse fotografar co paliacate vermello, para deixar constacia da chegada dos pallasos de Galicia a León Brindis.

Tivemos o primeiro Flop! da xira. Na vida dos pallasos os flops son imprescindibles, grazas a eses pequenos tropezos, o clown avanza e refórzase, e nós tivemos un de campionato, cando no medio da actuación descubrimos que nos esquezéramos na casa o banco sobre o que realizamos o final do sketch do quixote, ante o que non tivemos máis remedio que improvisar e salvar o resto do espectáculo. Ao final os rapazes pelexában por levarnos as cousas da función e os maiores ían repetindo parlamentos da obra, cando menos salvamos o espectáculo.

Fixemos a colada, bañámonios no río xogando cos rapazes, e por fin durmimos 5 horas seguidas; pero cando chegou a mañán e tivemos que coller a redila para ir a outra comunidade unha tristeza amarga deslizouse sobre a nosa viaxe, a posibilidade de non ver máis a esta familia era difícil de dixerir, e optamos por prometernos unha nova aventura por Chiapas, coa ineludible visita á casa da nosa tenra anfitriona.