Aquí vos presentamos o Proxecto Solidario desta Edición 2001 do Festival Internacional de Clown de Galicia. Entendemos que a cultura ademais de ser participativa, comunitaria e creativa tamén debe de ser solidaria atopando formas de colaboración con outros proxectos culturais existentes noutras partes do Mundo. Así como na edición anterior parte dos beneficios do Festival destináronse á Universidade das Nais da Praza de Maio, este ano o Proxecto Solidario que apoiará o FestiClown será o proxecto educativo "Semillita del Sol".

   Facémosvos unha pequena introducción sobre os problemas do sistema educativo en Chiapas e a proposta que as comunidades en resistencia de Chiapas están tentando levar a cabo, cambiando as estructuras, métodos... do sistema educativo oficial de México.

   A situación educativa das rexións indíxenas de Chiapas é a máis crítica de todo México. De feito, nos últimos datos oficiais da rexión aparece invariablemente no último lugar. Máis da metade da poboación non ten acceso á palabra escrita, e a escolaridade promedia non alcanza o terceiro grao de Primaria. En Chiapas a maioría das escolas son "incompletas", é dicir, ofrecen como moito catro graos. Incluso se se intentará ampliar o sistema educativo oficial para satisface-la demanda, segundo cálculos oficiais o proceso tomaría varios centos de anos. A educación é por tanto unha necesidade palpable e unha demanda central.

   Non é só carencia de escolas e mestres. As comunidades indíxenas expresan constantemente unha serie de críticas fundamentais ó sistema escolar. Sinalan o ausentismo e o alcoholismo dos profesores, a súa intromisión nos asuntos internos da comunidade, a súa falta de respecto polas linguas e as culturas locais, a súa ineficacia docente demostrada na que os nenos "non aprenden sequera a escribir unha carta", o uso de castigos corporais contra eles, a frecuente agresión e abuso sexual cara as mulleres, a irrelevancia de moitos dos contidos que ensinan e as cuotas que cobran a pesar de que a educación é "de balde". É un feito que os proxectos presentados dende o goberno sempre proveñen de afora e rara vez superan as carencias. Estas denuncias revelan a necesidade dunha reconsideración a fondo da educación.

   A situación agravouse pola guerra. Moitísimas escolas están abandoadas ou funcionando de maneira irregular, e os campamentos e patrullas militares restrinxen o acceso ós poucos servicios que existen. Ademais os nenos teñen medo.

   Nestas condicións, as comunidades tomaron a iniciativa de formar a súa propia organización educativa, como parte do proceso de construcción da autonomía. Por iso rexeitan as ofertas educativas do goberno, que nin os toma en conta nin resolve a fondo os problemas. Ó integrar o servicio escolar dentro das súas formas propias de organizar a vida comunitaria, as comunidades propóñense amosar que poden construír unha educación distinta, relevante, de calidade e aberta a todos, nas súas propias escolas. A partir desta determinación orixínase o proxecto educativo Semillita del Sol.

   Semillita del Sol busca unha alternativa que responda á petición das comunidades e estea suxeita ó seu mandato. Foi claro dende o inicio que non se debería reproducir erros do sistema oficial, como a imposición de contidos irrelevantes, as formas mecánicas de ensinalos, as relacións de poder transnacionais na educación oficial. A idea era botar a andar un proceso educativo integral, estreitamente relacionado coa realidade rexional e construído conxuntamente entre todos os que nel participan: comunidades, nais, pais, nenos, promotores, formadores, asesores.

   O antecedente directo dos Centros de Formación de Promotores foi a experiencia do equipo de Semillita del Sol en varias comunidades da Cañada de Las Margaritas. As observacións aí recollidas deron as pautas para comprender e desenvolver un tipo de proceso educativo coherente coa situación rural e indíxena de Chiapas e as condicións nas que se atopan as comunidades en resistencia. Foi desa experiencia da que xurdíu, por unha parte, un forte interese das comunidades por impulsar a creación de máis escolas con iste modelo e, por outra, a evidencia clarísima de que é necesario contar con promotores formados nunha visión educativa diferente, de construcción propia. Dende o primeiro momento, quedou claro que os obxectivos de longo prazo iríanse cumprindo de acordo coas posibilidades e non podían decretarse os seus tempos de antemán.