Ó pé do río Lérez atópase unha vila que non é gala nin castrexa pero que comeza a ser un reducto contra o imperio da cultura única.......
E cando as noites de xullo chegan, as rúas e os corazóns de Pontevedra convértense nunha festa da palabra, do xesto, da risa....... xa chegou o FestiClown.

O FestiClown é a festa da risa, a risa solidaria, a risa antisistema, a risa humanizadora, o espello que nos deberá mostra-lo noso ridículo e ensinarnos a convivir con él para poder superalo.

Rir é símbolo de saúde, e se nós rimos dos nosos gobernantes?, dos representantes das diferentes igrexas, das forzas militares, esa saúde será tamén democrática.

Este festival é un proxecto de desenvolvemento local a partir da cultura e a participación Cidadán.
Un momento de encontro e de tolemia, pero tamén un espacio para facer das rúas e dos teatros un lugar para a democracia viva.
Porque a cultura pode servir para construír sociedades máis xustas e igualitarias, ou axudar a manter modelos sociais pasivos e inxustos.

A risa é a mellor arma que ten a humanidade para combater este novo milenio de pensamentos únicos e globalización da cultura-lixo.

Queremos convidar a tódolos náufragos de nariz vermello, a tódolos piratas do riso, e a tódalas persoas de Pontevedra a que fagan deste Festival o seu festival.


Por un mar de risas.
Por un mundo onde caiban tódolos mundos e por un FestiClown onde caiban tódalas risas..