
Balance Positivo
A formación, o espectáculo, o compromiso solidario, a calidade profesional e humana dos artistas e o nivel de participación fixeron deste Festival, segundo palabras da xente que participou del, un festival único e innovador en toda a península.
A organización do Festiclown fai un Balance absolutamente positivo do Festiclown 2001 porque convencemos á xente de Pontevedra e vencemos en toda Galicia. Foron moitos os e as que de diferentes partes de Galicia se sumaron a cidadanía de Pontevedra para participar nesta tolemia colectiva que foi o Festiclown.
Éxito de participación
O público encheu maioritariamente os espectáculos. As representacións da mostra profesional tiveron un 80% de asistencia e o certame unha media de duascentas dez persoas por espectáculo, que multiplicado polas trece obras que se presentaron, fan aproximadamente unha cifra de asistencia de duas mil seiscentas persoas.
Co Desclonwntrol nas rúas conseguimos potenciar notablemente a participación cidadá intervindo na vida cotiá da xente.
Conseguimos o obxectivo solidario do Festiclown
Un ano máis o Festiclown serviu para demostrar que a cultura e a diversión poden ir parellas ao compromiso social.
Entre todos e todas Conseguimos o obxectivo solidario do Festival. Coa recaudación das entradas para a Mostra profesional, a construcción dunha escola na Selva Lacandona en Chiapas está máis que garantida
O Festiclown 2002 xa está en marcha
Os artistas expresáronnos o seu a apoio e transmitíronnos que apostan polo Proxecto Festiclown. Jango Edwards está disposto a abrir o Festiclown 2002 e tanto Eric de Bont como Leo Bassi amosaron o seu interese por voltar a Galicia.
Por todo o expresado anteriormente, a Organización do Festiclown, só un día despois de rematar a edición de este ano, está a deseñar e organizar o Festiclown 2002 co desexo de seguir traballando en Pontevedra. Porque estamos certos e certas que toda a cidadanía aposta por esta tolemia colectiva que é o Festiclown, porque así nolo demostraron coa súa participación ao longo dos sete días de programación.

Queremos agradecer a todos os pontevedreses e pontevedresas, así como ao resto de persoas que participaron por facer do Festiclown un proxecto de futuro, e á Concellería de Cultura por respaldalo.
Iván Prado (Director do Festiclown)