Galicia é terra de mariñeiros e navegantes, a trasverso da historia as xentes da nosa costa sempre tiveron que botarse ó mar na procura do alimento.

         Hoxe, nas portas dunha nova era, a fame é de espíritu. O alimento son as esperanzas e os soños.

         O Festiclown é unha pequena ponte que transita ata a esperanza, aquela que sopra dende a risa e a tolemia que se agocha tras dun nariz vermello.

         Entre os días 18 e 22 de xullo deste ano, dende a ría de Pontevedra zarpou un navío pirata chamado Festiclown "Festival internacional de clown de Galicia", sen máis vontade que a de cruza-lo mar de risas, porque xa todos sabemos que o importante é navegar.

         A tripulación deste peculiar barco levaba por chaleque salvavidas un nariz de borracho, e a arte de pesca que empregaban chámase risoterapia. Foi por esto, que durante as xornadas que durou a Feira de Humor de Pontevedra, ninguén quedou alleo ó traballo destes pescadores de sorrisos.

         "Revoluciona coa risa" foi o berro de guerra da nosa tripulación; de guerra contra o pensamento único que tenta acabar coa diversidade cultural; de guerra contra a hipocresía dos medios de comunicación; de guerra contra a incomunicación que xenera este sistema de vida individualista.

         Señoras e señores, este barco pirata surca o mar para que rían dos seus medos; dos seus complexos; dos políticos que falan pero non dín; da democracia na que se vota pero non se elixe.....

         En definitiva o Festiclown é unha arma cargada de humor.


         Consumidores de tódolos planetas,ride.......


Asdo: Desde as montañas do suroeste galego, o trasno Mauricio.
Trasno oficial do festival internacional de Clown de Galicia.