O bon que ten ter un trasno propio durante un festival é que, ademais de perder cousas, estropearse os aparatos e que ningún xastre veña ás actuacions, podes atopar escritos subversivos (de ínfima calidade literaria) como este que, cando menos, serven de introducción ó breve resumo, que os nosos amigos da Revista Galega de Teatro nos pediron que fixeramos, do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown para os colegas).

         Comecemos polo nome. 1ºFestival: para nós ven de festa, e eso foi o que aconteceu en Pontevedra. 2º Internacional: porque Galicia está no mundo, porque a metade dos espectáculos profesionais eran de grupos extranxeiros e porque soa moi ben. 3º de Clown: porque tódolos espectáculos eran de pallaso de escea. 4º de Galicia, porque está feito en Galicia; organizado por galegos e dirixido ás xentes de este país.

         Aclarado o tema do nome vaiamos ó concepto (sempre tan importante). O Clown é esa figura que sempre se dá en calquera grupo social. O noso rural está cheo destes personaxes. E sen embargo en Galicia, cunha industria teatral tan importante, apenas si existen compañías que produzan obras de clown.

         Polo tanto o noso primeiro obxectivo foi promove-la creación de clown en Galicia. Por eso organizamos dous cursos. Un curso para profesionais cun dos mellores pallasos do mundo, Carlos Colombaioni. E outro de iniciación coa compañía de Good Idea, que foron os nosos colaboradores dende o primeiro momento.

         Asemade organizamos un Certame Galego de Clown, para que os grupos que estaban a comenzar puideran presentar publicamente o seu traballo, ó tempo que promoviamo-la creación teatral. Presentaronse un total de 6 grupos entre os que saíron vencedores Malabaranda e San&San. O premio foi unha actuación pagada a caché polo Concello de Pontevedra.

         Pero tamén tiñamos claro a necesidade de irmos creando público para esta disciplina teatral, polo que organizamos unha Mostra Profesional, na que participaron seis diferentes formas de facer Clown:

         Minguella: O surrealismo feito Clown. Pez en raia: O Clown moderno. Gilipollas sen fronteiras: na raia entre Showman, Clown e humoristas. Good Idea: O Clown desnudo e puro. Colombaioni: 50 anos de profesión para un Clown clasico. Leo Bassi: O Clown provocador e histriónico.

         Outro dos obxectivos do festival era crear unha proposta artística e cultural que potenciara a participación cidadá, amais de que puidera intervir na vida cotiá da xente.

         Para eso artellamos unha programación paralela, que incluía pasarrúas de tambores, de teatro, de "Correfocs" e actuacións de humoristas, e de clowns polas rúas.

         Por último, o noso empeño era demostrar que a cultura debe ir parella ó compromiso social, que a diversión pode ter contidos sociais. Por eso decidimos crear un Fondo Clown Solidario, destinado a financiar a Universidade Popular da Asociación de Madres de Plaza de Mayo.

         Recadamos 500.000pts que sairon de mil entradas vendidas das actuacións da Mostra Profesional. O espectador pagaba 200 pts e o Concello aportaba outras 300 por cada entrada.